Eurocidade Tui-Valença, 26 de maio.- Queda exactamente unha semana para que artistas e bandas galegas e portuguesas interesadas en abrir novos mercados envíen as súas propostas musicais para optar a participar nos showcases que se celebrarán en distintas localizacións de Tui e Valença dentro da cuarta edición do MUMI. As inscricións son gratuítas e poden facerse ata o próximo venres 2 de xuño a través da web mumimusicas.eu. Poden presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira. A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de integrantes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.
Inscricións profesionais
As empresas de produción e management, axencias de booking, responsables de programacións musicais, profesionais da xestión cultural, persoal técnico dos departamentos de Cultura, xornalistas, e en xeral todas as persoas que fan parte do sector musical, tamén poden formalizar as súas inscricións, que permanecerán abertas ata as datas de celebración do evento, e que permitirán asistir a todos os showcases, palestras e sesións de traballo, ademais de participar nas rondas de speedmeetings, onde será posible axendar encontros con profesionais e artistas. Neste sentido, o obxectivo do MUMI é converterse no punto de encontro de referencia para marcar a axenda anual do traballo das empresas musicais galegas e portuguesas.